Portalaxe (Melón, Ourense)
O barrio de Portalaxe (48 hab. en 2008, INE) é un dos once que conforman a extensa parroquia de Santa María de Quins (898 hab.), no concello de Melón (Ourense), no corazón da pequena bisbarra do Ribeiro Alto e antiga Terra de Nóvoa, hoxe integrado na comarca oficial do Ribeiro.
O citado barrio (que é como lle chaman en Ourense e no bispado de Tui ás aldeas) de Portalaxe constitúe unha excepcional aberración territorial, pois, formando parte integrante e indiferenciada da pequena vila de Francelos non pertence a ela:
A pequena vila de Francelos (664 habitantes) é o centro da parroquia de Santa María Madalena de Francelos (790 hab.) e pertence ao concello de Ribadavia, de cuxa capital dista tan só 1'3 kilómetr
A aberración reside en que unha pequena zona do centro de Francelos (a mencionada Portalaxe) pertence a unha parroquia e a un municipio do que está separada polos ásperos e altos montes da Ibia e da Bandeiriña e pola estreita valgada do río Brul, que baixa facendo fervenzas debido ao abrupto desa corga.
Francelos, e con el tamén Portalaxe, non teñen, deste xeito, acceso directo con Melón nin coa súa parroquia de Quins, polo que o traxecto ha de facerse obrigadamente pasando por Ribadavia.
O primeiro que chama a atención é que esa zona de Francelos, totalmente integrada no seu entramado "urbano" e absolutamente indiferenciada, non pertenza a esa parroquia, cuxa igrexa parroquial está a escasos 300 metros, e si, pola contra, a unha freguesía cuxo templo se sitúa a 6'6 kilómetros por estrada. O mesmo se diga se falamos en termos municipais, pois Portalaxe está a 1'3 km do centro da vila de Ribadavia pero a exactamente 10 km da capital do concello de Melón, ao que pertence.
Este caso é moi rechamante, pois á parte do afastamento entre Portalaxe e a parroquia e capital municipal á que pertence, xeográficamente é parte integrante das chairas aluviais ribeiregas da contorna de Ribadavia (o Ribeiro Baixo) e non das altas mesetas de Quins e Melón (o Ribeiro Alto).
¿Que debeu pasar para que durante séculos os fregueses de Portalaxe dependesen dunha afastada igrexa (a de Quins) situada a 6 kilómetros monte arriba e non á de Francelos situada a 300 metros das súas casas e para que pertenzan tamén a un municipio cuxa capital está a 10 km e non a outro (Ribadavia) que fica a pouco máis dun kilómetro das súas casas? Seguramente teña que ver con isto, como noutros casos galegos, as posesións xurisdicionais, tanto laicas como eclesiásticas, que, moitas veces, atendían máis a criterios de herdanzas, permutas, vendas ou compras que ao afán de crearen unha entidade homoxénea coas súas posesións, aténdose a criterios de coherencia xeográfica. Pero ben é certo que, se ben nas divisións xurisdicionais do antigo réxime as cousas eran como describín, as parroquias foron todo o contrario e constitúen mormente unhas células absolutamente homoxéneas e coherentes, xeográfica e culturalmente; por iso choca tanto o caso de Portalaxe.
Achego un mapa onde recalco as lindes municipais entre Ribadavia e Melón, marco a situación de Portalaxe e Quins (parroquia á que pertence), así como as cabeceiras municipais de Ribadavia e Melón. Obsérvese como os accesos para ir de Portalaxe a Quins e Melón pasan indefectiblemente por Ribadavia, dando un rodeo de gran calibre, así como a situación excéntrica do propio núcleo de Portalaxe con respecto ao resto da zona de Quins e, en contrapartida, a súa total unidade con Francelos (lugar e parroquia ao que non pertence).