viernes, 21 de agosto de 2009

De lareta (tamén Odoario lercheaba)



Curiosa maneira de elixir un titular


Leo en El País.com un apocalíptico titular: La OMS avisa que lo peor de la gripe "puede estar por llegar". Entro e leo que as declaracións que deron pé a este titular son No podemos decir si lo peor ha pasado o si lo peor todavía está por llegar, declaracións de Margaret Chan, directora xeral da OMS moi dada a sentenzas deste estilo (e non só co tema da gripe). Logo, penso eu, os que elixiron este titular tanto puideron dicir "lo peor puede estar por llegar" como "lo peor puede haber pasado ya", pois as dúas sentenzas están en igual pé de igualdade nas declaracións da señora Chan. Cuestión de elección, polo tanto. Cómo se nota que no verán se venden menos xornais...


22 anos

Fálase moito na prensa estes días dos dous récords que o xamaicano Usain Bolt fulminou estes días: primeiro os 100 metros lisos (9,51 segundos, meu Deus!) e logo os 200 metros (lisos tamén). E pregunteime "este tío debe ser unha especie de Deus, pois coa súa idade está nunha forma capaz de poder fulminar récords mundiais". E é que pensaba que tiña trinta e pico anos. A miña sopresa foi cando lin que tiña 22 aniños (hoxe cumpre precisamente 23, trascendental feito do que a prensa tamén se fixo eco...) O feito é que o deporte de elite machaca moito e chegas aos 30 como se tiveses 50 (de momento Bolt chegou aos 23 como se tivese 35).


O Cristo... ¿de que Vitoria?

Existe un curioso tipo humano constituído polas señoronas viguesas facilmente identificables por levaren falsos abrigos de visón cando fai frío (e cando non fai frío tamén); e tamén identificables por posuír un curioso sentido da fe e por quereren imitar a ese outro tipo humano, hoxe moi minoritario, constituído polos membros das decadentes, clasistas e outrora poderosas e elitistas familias da sardiñocracia ou alta burguesía viguesa. O primeiro tipo humano, de peles de imitación e de comportamentos de imitación, adoita carecer de cultura; o segundo tipo humano parece ser que, no fondo, teñen bagaxe cultural (outra cousa son as ideas que poidan ter). Pero tanto un como outro grupo humano posúen algo en común: son fervorosos fieis do Cristo da Vitoria (nada que obxectar) e defensores á morte de que o epíteto do Cristo lle vén dado pola súa contribución á derrota dos franceses que ocuparon Vigo no ano 1809 (farto estou desa cantinela...). Pero o certo é que, por moito que digan, o Cristo do Sal non ostenta o epíteto "da Vitoria" por ese feito, pois nas actas municipais de 1740, e posteriores, xa se lle chama a ese cristo como "da Vitoria", moito antes da presenza dos franceses na cidade. Pero por moito que lles achegues probas como esta, esa xente seguirá a pensar que se chama Cristo da Vitoria polo motivo dos franceses. Se así son felices...


Vaia cirurxán! (iso si, un xenio...)

Outro dos heroes destes días, xunto con Bolt, é o cirurxán que dirixiu o primeiro transplante de cara en España, un tal doutor Cavadas. Eu imaxinábao o típico cirurxán aposto, de porte case hierático e todos eses adxectivos que se lles puñan aos vellos médicos, case pequenos deuses respectables e, desde logo, temidos. Todo isto esmoroóuseme cando vin o vídeo da súa rolda de prensa: camisola estilo Ibiza-beach a tono co seu bronceado-torrefactado, colar estilo feira-alternativa-feira-medieval-..., perilla afeitada con pésimo gusto que non sei ata qué punto será hixiénica para un cirurxán e, enfín, cara de pouca cousa indigna da imaxe que eu tiña de cirurxáns de tan alta ralea. Lerchadas á parte, o labor que fixo o doutor Cavadas é digna do máis sentido respecto e recoñecemento, o cal non quita que nos chame a atención a aparencia coa que se presentou ante a prensa...

2 comentarios:

  1. Mentras faga o seu traballo, non debería importar moito a estética "hipibicenca" de ninguén. Moitas persoas que traballan baixo un estrés excepcional, refuxianse nunha estética "alternativa" ou teñen gustos "raros" (léxase pouco convencionais" ... mellor que desconectar (¿de qué?) con futbol e botellón , ¿ah?

    ResponderEliminar
  2. No creo que el aspecto físico del cirujano tenga que ver con su trabajo. Además, te informo que los médicos que salen en Anatomía de Grey, Urgencias o House, distan bastante de la realidad. A mí me da igual cómo se vista este hombre mientras antes de entrar al quirófano cumpla con el protocolo de desinfección y asepsia.
    Por cierto, muchos cirujanos tienen barba o perilla, hay unas mascarillas fantásticas que las cubren enteritas para evitar caídas de pelo, así como la cabeza.

    ResponderEliminar