viernes, 21 de agosto de 2009

Revista de Libros: O antigo bispado de Tui en Portugal


Teño nas mans un delicioso libro que vén cubrir un campo histórico (tamén artístico e social) de altísimo interese e do que moi poucos autores trataron (polo menos monograficamente): a parte portuguesa do bispado de Tui. A obra leva o case obrigado título de O antigo bispado de Tui en Portugal. O seu autor é Don Ernesto Iglesias Almeida, persoa de profundísima cultura e humanista case á usanza de Sarmiento, ademais actual Cronista Oficial da cidade de Tui. Encargouse do Arquivo Histórico Diocesano de Tui ata a súa xubilación, o que lle permitiu estar en contacto directo con copiosas fontes documentais da Sé tudense, moitas delas non manexadas por outros investigadores.


Un froito maduro dos fondos coñecementos documentais de Don Ernesto é este libro, cuxo resumo da contraportada reza da seguinte maneira: O territorio actual do bispado de tui non se parece en nada ao medieval, ata o ano 1378, momento no que se produce a secesión da parte portuguesa situada entre os ríos Miño e Limia.=O autor deste libro fai un percorrido polas relacións, unhas veces afectivas e outras máis conflitivas, do período histórico no que unha boa metade do territorio diocesano tudense se atopaba situado nestas terras portuguesas.


A obra artéllase en dez capítulos, un valioso apéndice documental e un interesante epílogo de Clodio González Pérez.


Comeza o libro cun limiar do erudito portugués Alberto Pereira de Castro onde, cunha linguaxe clara e poética, repasa a escasa bibliografía que se produciu sobre o tema ao longo dos séculos e valora as relacións desta pare da raia fronteiriza á luz da ancestral presenza do bispado tudense, quer íntegro quer despoxado posteriormente da súa parte portuguesa.


O capítulo primeiro versa sobre as orixes do cristianismo no sur de Galicia, desde a cristianización do vello Castellum Tudae. O capítulo segundo trata integramente do Parroquial Suevo, que é unha importante relación das parroquias que correspondían a cada unha das 13 dioceses do reino suevo, que data do ano 572 e que, polo tanto, se erixe nun senlleiro documento sen parangón en toda a Europa occidental da Alta Idade Media. Neste capítulo pódese ver o difícil que aínda hoxe é identificar as parroquias do bispado de Tui que aparecen no Parroquial Suevo, salvo unhas poucas excepcións, e que deitaron ríos de tinta, aínda que o autor -e fai ben- non se propoña retomar o arduo camiño desas identificacións.


Tralo artellamento diocesano que supuxo o Parroquiale comeza a historia propiamente dita do bispado de Tui (O bispado de Tui: as súas orixes é o título do capítulo terceiro, toda unha mostra de erudición e de capacidade de síntese). O capítulo cuarto toca o espiñento tema da relación dos bispos tudenses con Portugal, asunto difícil de abordar pero do que Don Ernesto sae airoso ao centrarse exclusivamente nas fontes documentais, sen os tan afogadores xuízos de valor. O capítulo quinto céntrase na organización parroquial da diocese, con valiosas achegas documentais, e ten continuación no capítulo sexto, titulado expresamente As parroquias. Este capítulo sexto é unha verdadeira obra de recompilación, dun valor elevadísimo, no que Don Ernesto cataloga todas as parroquias que a diocese de Tui posuía ao outro lado do Miño, desde Valença á Ponte de Lima e desde Castro Laboreiro a Viana do Castelo, clasificándoas por arcediagados e outras agrupacións superiores á parroquia.


O capítulo séptimo trata dos mosteiros da banda portuguesa do bispado de Tui, onde se valora como corresponde a importancia social que tiveron nos séculos medievais. Como continuación, o capítulo oitavo versa sobre as propiedades dos mosteiros galegos da diocese de Tui en Portugal, onde, por exemplo, descubrimos con abraio o poder que o cenobio cisterciense de Oia tiña en terras de Portugal. O capítulo noveno é de gran interese e trata duns feitos absolutamente trascendentais: o cisma de occidente e a separación dos cóengos portugueses, onde trata, loxicamente, do famoso “cisma de Valença”, que trouxo consigo a separación definitiva das terras portuguesas do bispado de Tui. O décimo e último capítulo, o máis longo, trátase dunha viaxe a través da arte románica no territorio portugués tudense: un detallado catálogo do que esta importante arte deixou en terras do norte de Portugal, valorándoa como se merece e sacando do esquecemento verdadeiras xoias románicas que eran case descoñecidas incluso para os propios portugueses.



O antigo bispado de Tui en Portugal obtivo o segundo Premio de Historia Medieval de Galcia, 2007 e está editado pola Editorial Toxosoutos, dentro da Serie Trivium. Esta editorial, e particularmente dentro desta serie, está facendo un magnífico labor de edición de obras de historia, entre outras moitas temáticas fóra desta serie. Nos últimos anos editou un copioso número de obras de importancia senlleira e de autores de contrastada reputación. Agardo que sigan por este fructífero camiño.


Como dato interesante achego dous mapas de elaboración propia do bispado de Tui na Idade Media e na actualidade, onde se observa todo o territorio perdido en Portugal (e non só, pois a comarca de Ribadavia foi tamén de Tui ata a década de 1950). Están representadas as divisións arciprestais -e outras superiores á parroquia- polo interese histórico (e incluso étnico-social) que gardan.




No hay comentarios:

Publicar un comentario