Mostrando entradas con la etiqueta Melón. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Melón. Mostrar todas las entradas

lunes, 24 de agosto de 2009

Aberracións territoriais (I)


Portalaxe
(Melón, Ourense)

O barrio de Portalaxe (48 hab. en 2008, INE) é un dos once que conforman a extensa parroquia de Santa María de Quins (898 hab.), no concello de Melón (Ourense), no corazón da pequena bisbarra do Ribeiro Alto e antiga Terra de Nóvoa, hoxe integrado na comarca oficial do Ribeiro.

O citado barrio (que é como lle chaman en Ourense e no bispado de Tui ás aldeas) de Portalaxe constitúe unha excepcional aberración territorial, pois, formando parte integrante e indiferenciada da pequena vila de Francelos non pertence a ela:

A pequena vila de Francelos (664 habitantes) é o centro da parroquia de Santa María Madalena de Francelos (790 hab.) e pertence ao concello de Ribadavia, de cuxa capital dista tan só 1'3 kilómetros.

A aberración reside en que unha pequena zona do centro de Francelos (a mencionada Portalaxe) pertence a unha parroquia e a un municipio do que está separada polos ásperos e altos montes da Ibia e da Bandeiriña e pola estreita valgada do río Brul, que baixa facendo fervenzas debido ao abrupto desa corga.
Francelos, e con el tamén Portalaxe, non teñen, deste xeito, acceso directo con Melón nin coa súa parroquia de Quins, polo que o traxecto ha de facerse obrigadamente pasando por Ribadavia.

O primeiro que chama a atención é que esa zona de Francelos, totalmente integrada no seu entramado "urbano" e absolutamente indiferenciada, non pertenza a esa parroquia, cuxa igrexa parroquial está a escasos 300 metros, e si, pola contra, a unha freguesía cuxo templo se sitúa a 6'6 kilómetros por estrada. O mesmo se diga se falamos en termos municipais, pois Portalaxe está a 1'3 km do centro da vila de Ribadavia pero a exactamente 10 km da capital do concello de Melón, ao que pertence.

Este caso é moi rechamante, pois á parte do afastamento entre Portalaxe e a parroquia e capital municipal á que pertence, xeográficamente é parte integrante das chairas aluviais ribeiregas da contorna de Ribadavia (o
Ribeiro Baixo) e non das altas mesetas de Quins e Melón (o Ribeiro Alto).

¿Que debeu pasar para que durante séculos os fregueses de Portalaxe dependesen dunha afastada igrexa (a de Quins) situada a 6 kilómetros monte arriba e non á de Francelos situada a 300 metros das súas casas e para que pertenzan tamén a un municipio cuxa capital está a 10 km e non a outro (Ribadavia) que fica a pouco máis dun kilómetro das súas casas? Seguramente teña que ver con isto, como noutros casos galegos, as posesións xurisdicionais, tanto laicas como eclesiásticas, que, moitas veces, atendían máis a criterios de herdanzas, permutas, vendas ou compras que ao afán de crearen unha entidade homoxénea coas súas posesións, aténdose a criterios de coherencia xeográfica. Pero ben é certo que, se ben nas divisións xurisdicionais do antigo réxime as cousas eran como describín, as parroquias foron todo o contrario e constitúen mormente unhas células absolutamente homoxéneas e coherentes, xeográfica e culturalmente; por iso choca tanto o caso de Portalaxe.

Achego un mapa onde recalco as lindes municipais entre Ribadavia e Melón, marco a situación de Portalaxe e Quins (parroquia á que pertence), así como as cabeceiras municipais de Ribadavia e Melón. Obsérvese como os accesos para ir de Portalaxe a Quins e Melón pasan indefectiblemente por Ribadavia, dando un rodeo de gran calibre, así como a situación excéntrica do propio núcleo de Portalaxe con respecto ao resto da zona de Quins e, en contrapartida, a súa total unidade con Francelos (lugar e parroquia ao que non pertence).